quinta-feira, 19 de fevereiro de 2015

V Maratón de Leitura. #EuSonRosalía


        O Maratón de Lectura de Burela, organizado polo Colectivo Cultural Buril chega este ano á súa quinta edición. Dada a alta participación acadada nas pasadas edicións, así como o interese mostrado por parte de todas as persoas e entidades participantes, apostamos por manter esta cita coa lingua e a literatura galega que se vai consolidando ano a ano. Desta volta celebraremos o Maratón de Lectura o 24 de febreiro, coincidindo co Día de Rosalía. A cita terá lugar en Burela, no salón de plenos do Concello, como vén sendo habitual.

O Buril quer sumarse deste xeito á celebración do Día de Rosalía de Castro, o 24 de febreiro (aniversario do nacemento da autora), que desde 2010 promove a AELG (Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega). Nos últimos anos foron varias as accións promovidas desde a AELG que contaron con grande aceptación e impulso por parte da sociedade e, moi especialmente, polo sector educativo e o tecido asociativo.

Neste 2015 a AELG propón celebralo baixo o lema "Eu son Rosalía" e convidan os centros escolares, institucións, movemento asociativo, persoeiros da cultura galega e a todos os particulares que se quixeren sumar, a realizaren actividades encamiñadas a afondar na diversidade temática da obra rosaliana, de modo que cada persoa descubra con cal das múltiples sensibilidades da autora se sente máis identificada, e así poder comunicárnolo gravando en vídeo unha frase que comezaría por “Eu son Rosalía porque/cando/para…”

Ao igual que o pasado ano, o Maratón de Lectura estará estruturado en dúas quendas, unha de mañá, de 10:00 a 14:00 e horas, destinada aos centros educativos de primaria e secundaria e outra de tarde, de 16:00 a 20:00 horas, destinada a colectivos e entidades deportivas, así como a todas as persoas que queiran participar a título individual.

Sem comentários: