quarta-feira, 31 de julho de 2013

Onde está o mago Antón?



O Colectivo Cultural Buril trae a Burela o espectáculo do Mago Antón o próximo venres, 2 de agosto. A actuación do famoso mago galego terá lugar ás 21 horas na Casa da Cultura de Burela e leva por título “Onde está o Mago Antón?”.


O espectáculo vense celebrando ao longo de toda a provincia de Lugo, ao abeiro dun proxecto da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, e está dirixido a todos os públicos de todas as idades, desenvolvéndose en diferentes espazos: cafeterías, restaurantes, colexios, librerías, pubs, centros comerciais, hospitais, empresas, hoteis, etc…


No seu espectáculo o Mago Antón contará con máis de douscentos efectos: un peixe chamado Cousteau, o xogo da rá, fruteiro, punto de encontro, Galiza sempre, baralla conxelada, a dada de tute, o xogo da moa, carta no teito, o xogo da bolsa e o ovo etc…

​Durante a tarde do xoves, día 1, o Mago Antón estará de visita por Burela, facendo microactuacións en diversos espazos públicos con dúas finalidades: a primeira e levar a maxia a espazos e a públicos onde a maxia non ten ningunha presenza. E a segunda ten como finalidade mobilizar a eses públicos para convidalos a asistir ao espectáculo final que terá lugar o venres, ás 21:00 horas no auditorio da Casa de Cultura de Burela.​


Desde o Colectivo Cultural Buril convidamos a pequenos e maiores a disfrutar deste grande espectáculo e de dous días cheos de maxia


terça-feira, 16 de julho de 2013

BIC para as pinturas da Vila do Médio



O Buril solicitará á Dirección Xeral de Patrimonio, dependente da Consellaría de Cultura da Xunta da Galiza, a declaración de Ben de Interese Cultural en calidade de monumento, para as pinturas e igrexa da Vila do Medio. Do mesmo xeito, tamén solicitará ao Concello de Burela que trate este asunto no próximo pleno municipal, ao entender que se trata dunha cuestión de grande interese para Burela.

As pinturas murais da Igrexa da Vila do Medio constitúen unha obra de grande importancia histórica, artística e patrimonial, non só para Burela, senón tamén para a arte galega en xeral. Estas pinturas veñen padecendo un importante proceso de deterioro desde que foron descobertas a principios dos anos 70 do pasado século, presentando actualmente un estado de conservación que urxe unha rápida actuación para garantir a súa preservación ao longo do tempo, así como para a súa posta en valor como parte fundamental da nosa história artística e cultural.

O Buril, traballa na promoción e defensa da cultura galega en todas as súas manifestacións, desenvolvendo ao longo dos seus case 30 anos de vida distintas actividades encamiñadas a preservar e pór en valor o noso patrimónico cultural, facendo unha aposta nestes últimos anos polo estudo e difusión da história local, con especial atención a aqueles aspectos máis destacados de Burela e da Mariña.

O pasado ano 2012, dentro das II Xornadas de História Local de Burela, realizamos unha visita guiada ás pinturas da Vila do Medio, a cargo da historiadora da arte Lucia Bouza, onde puidemos constatar in situ o precario estado de conservación que presenta esta “pequena xoia” da pintura medieval galega, sendo algunha das escenas pictóricas practicamente irrecuperábel. 

Co fin de pór remedio a esta situación que pon en perigo a preservación destas pinturas, o Buril presentará solicitude ante a Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galiza, para que as pinturas e a igrexa da Vila do Medio sexan declaradas Ben de Interese Cultural, de acordo coa Lei 8/1995, de 30 de outrubro, do Patromonio Cultural de Galiza.

O Buril tamén presentará solicitude no Concello de Burela para que este asunto sexa levado ao próximo pleno municipal e solicitará o apoio dos tres grupos políticos con representación no pleno, para reforzar a solicitude presentada na propia Consellaría e poder acadar deste xeito a declaración de Ben de Interese Cultural para a igrexa e pinturas da Vila do Medio.

Paralelamente a esta solicitude desde o Buril impulsaremos distintas actividades relacionadas coas pinturas da Vila do Medio e a súa declaración BIC, para dar a coñecer esta iniciativa entres os distintos sectores sociais de Burela. Todas estas iniciativas encádranse dentro dunha serie de actividades que se programarán con motivo do 30 aniversario do Colectivo Cultura Buril.