quinta-feira, 27 de setembro de 2012

O Buril apresenta as XIII Xornadas de Teatro





XIII Xornadas 


de teatro









4, 5 e 6 de outubro



Auditório municipal


Burela 2012



Xoves 4 ás 21h30
iLalelo
Carlos Blanco & Budiño DJ

Venres 5 ás 21h30
Chebrévere. O bo se breve, dúas veces chévere
Grupo Chévere

Sábado 6 ás 18h00
Vacacións no mar
Mircromina Títeres





XIII XORNADAS DE TEATRO.
O RENACER DUNHAS XORNADAS DE TEATRO HISTÓRICAS.

As Xornadas de Teatro de Burela foron organizadas polo Colectivo Cultural Buril desde o ano 1987 ata o ano 1998. En total, foron doce edicións celebradas anualmente de forma ininterrompida, tendo lugar as cinco primeiras edicións no hoxe desparecido Cine Mon e as sete edicións restantes no Auditorio Municipal. Nas primeiras edicións, as xornadas incluían unha oferta diversa na que tiñan cabida desde compañías de teatro infantil e teatro afeccionado (Tanxerina, Barriga Verde... ou os grupos teatrais da A.C. Amado Lar de Ferreia do Valadouro, o grupo Ártabro Teatro da agrupación cultural Lumieira ou o propio grupo de teatro do C.C. Buril) ate compañías profesionais, entre as que encontramos a Teatro de Ningures, Sarabela, Teatro do Morcego, Talía... A partir da VII edición, as xornadas pasaron a ser principalmente unha mostra do teatro profesional galego con obras para o público adulto e infantil. Tamén debemos sinalar que dentro destas xornadas de teatro se organizaban actividades complementares, como o “premio das Letras Galegas” (coa correspondente publicación das obras premiadas), ou conferencias e mesas redondas temáticas sobre distintos aspectos relativos ao mundo do teatro.

As Xornadas de Teatro de Burela organizadas polo Buril, non tiveron continuidade no seu momento por distintos motivos, entre eles os problemas de financiamento, a aparición das programacións culturais promovidas polas institucións e a progresiva desarticulación do tecido asociativo.

Durante os 12 anos en que se celebraron, as Xornadas tiveron unha considerable transcendencia no acontecer cultural de Burela, cun importante número de asistentes ás representacións, contribuíndo á consolidación dun público que demostraba a súa fidelidade ano tras ano. Aínda que por riba da repercusión local e comarcal, hai que sinalar que as Xornadas de Teatro de Burela acadaron unha importante releváncia na escea galega, constituíndo, xunto con outras xornadas como a MIT de Ribadavia, a Mostra de teatro de Cee, o FIOT de Carballo, o FETEGA do Carballiño... un dos espazos referencias na xeografía do teatro galego.

No pasado ano 2011, o Concello de Burela, deixou de formar parte da Rede Galega de Teatros, á que pertenceu durante moitos anos, e que fixo posíbel que as máis importantes compañías teatrais galegas actuaran en Burela. Este feito supoxo a desaparición do teatro profesional da oferta cultural na pasada tempada 2011-2012. Tendo en conta esta circusntancia, e dado que Burela conta cunha importante tradición teatral, desde o Colectivo Cultural Buril consideramos que este ano 2012 é unha boa ocasión para recuperarmos as Xornadas de Teatro de Burela, na que será a XIII edición, dando así continuidade a aquelas xornadas que comezaban alá polo ano 1987 e que facían unha pausa en 1998. Dalgún xeito, e aínda que xa pasaron 14 anos desde as últimas xornadas celebradas, aquelas representacións teatrais aínda seguen ecoando na cabeza de moitas burelás e burelaos.

Comeza o teatro de outono do C.C. Buril



O próximo sábado dará comezo a programación teatral de outono organizada polo Colectivo Cultural Buril, que arrinca coa obra de teatro infantil e familiar Kasi Circo, da compañía Teatro Monart. A cita será ás 18:00 horas na Praza da Mariña de Burela (no Auditorio Municipal se o tempo non acompaña). Música, clown, teatro e títeres son os ingredientes do espectáculo Kasi Circo que está a poñer en escea Teatro Monart en diversos concellos da provincia de Lugo. Este espectáculo forma parte do programa Buxiganga, organizado pola Área de Cultura da Vicepresidencia primeira da Deputación de Lugo, que busca promover o teatro a nivel municipal, e dar pulo aos pequenos grupos teatrais.

Os días 4, 5 e 6 de outubro terán lugar as XIII Xornadas de Teatro de Burela, nas que contaremos con recoñecidas compañías teatrais galegas. As I Xornadas de Teatro organizadas polo Buril tiñan lugar alá polo ano 1987, celebrándose ininterrompidamente durante doce edicións ate 1998. Desde o C.C. Buril quixemos recuperar aquelas míticas xornadas de teatro que chegaron a ser un referente no panorama teatral galego, dando así continuidade a unha proposta cultural, que 14 anos despois aínda segue a ecoar na cabeza de moitas burelás e burelaos.

A programación teatral de outono do Buril remata o día 27 de outubro, coa representación da obra Radio Universo da compañía Nostrum Cai, tamén dentro dos Circuítos Buxiganga.


Kasi Circo. Sinopse

“A obra Kasi Circo trata a história de dúas personaxes aparentemente correntes, Silvio e Monik, dous limpadores dun circo de fama internacional. Unha mañá calquera, dispostos a emprender de novo os seus rutinários traballos, acontece algo que cambia o rumbo das súas vidas. O león do circo escapou da gaiola e comeu os artistas; ante tal desenlace, os limpadores deciden que o espectáculo debe continuar e co beneplácito do público presente propóñense representar os artistas que tantas veces viron. Aínda que a intención é o que conta, resultan ser bastantes desastrosos nas súas representacións debido á súa evidente falta de formación. Aínda así seguen adiante até o final, final que non deixa indiferente, posto que en realidade todo foi un soño.
A obra, ademais de entreter e rescatar sorrisos entre o público, pretende mandar unha humilde mensaxe cara á posibilidade de facer realidade os soños. Como nos pasou a nós mesmos, primeiro soñamos facer realidade un grupo teatral e finalmente o soño cumpriuse.”

quarta-feira, 19 de setembro de 2012

IV Aberto do Bonito




O próximo sábado 22 de setembro terá lugar en Burela a agardada IV Edición do Aberto do Bonito, organizado polo Colectivo Cultural Buril, e no que se loitará polo prezado bonito do norte, peixe co que serán agasallados os gañadores e gañadoras.

O Aberto de Billarda disputarase a partir das 16h30 na pista deportiva nº 2 do Colexio Vista Alegre e nel participarán varios equipos da comarca no que é a primeira proba puntuábel da tempada 2012-2013 da Conferencia Norleste, organizado pola Liga Nacional de Billarda.
Todas as persoas interesadas están convidadas a participar no Aberto de Billarda, para calquera información poden contactar co Buril no enderezo electrónico ccburil@gmail.com ou no teléfono 616473366. Para participar só é preciso estar media hora antes do inicio do Aberto.